Resumo: O Antela venceu ao Peroxa por 0-4 nun partido onde a estratexia de Bruno Gómez e a calidade dos xogadores clave como Antón e Pedro foron determinantes. Tras unha primeira metade sufrida, os cambios e o aumento da intensidade ofensiva permitiron ao Antela dominar o encontro e asegurar unha vitoria importante na súa loita pola clasificación.

Ao Antón dálle o mesmo pola dereita que pola esquerda. Sempre ten recursos. Unha zancada ampla na arrancada e sempre o balón na punta da bota. Onte apareceu no partido pola dereita aos dez minutos da segunda parte. Pasou quince tentando á defensa do Peroxa. Agora por fóra, con profundidade; agora por dentro. Tomando medidas e collendo confianza. Despois veu o gol. Encarou no pico da área, regateou cara dentro, perfilouse e, cun toque suave, debuxou unha elipse até o segundo pau, por abaixo. O meta local viu pasar o balón flotando, preciso, perfecto até a rede.

Pedro e Carlos entraron algo despois que o Antón. Ese era o plan. Contra á hora de partido, pasar do modo defensa a un ataque desatado cando o Peroxa empezara a se descoser. O plan de Bruno Gómez era defenderse con Breixo, Xabi e Caneiro no medio campo e descolgar a Óliver para as contras. Detrás, con Lois como central xunto a Boán (terceiro partido da parella), a porta estivo ben gardada.

O Antela sufriu na primeira metade porque atacou con poucos efectivos e escasa convicción. O Peroxa pareceu mellor asentado no campo, salvou a presión con facilidade e pisou máis a área rival. Tivo as mellores ocasións, sobre todo no último tramo dese período cando o choque entrou nese lameiro de faltas, interrupcións e xogadas a balón parado que tanto molesta aos limianos. Caneiro salvou un gol sobre a liña. Bruno Pío tivo que se xogar o físico nun par de balóns soltos na área…

Remate de Carlos á saída dun córner que detivo o meta local.

“Tranquilidade. Temos pólvora dabondo no banquiño”, consolaba Toncho á afección na grada durante o descanso. E Bruno Gómez ordenou un paso adiante. O Antela colleu o balón, meneou un pouco ao Peroxa, Xabi avanzou a súa posición e Óliver centrouna para dar espazo a Tiago. Así tomou primeiro (por fin) o medio campo e, despois, os tres cuartos en canto entrou Antón e foi cargando o ataque con pólvora fresca.

Pedro axitou definitivamente a ofensiva. Pedro sempre lle pon fe a todo o que fai, o mesmo dá un salto, que un choque, que unha carreira tras un balón imposíbel… E a mesma fe ponlla en cada disparo. Onte rematou de primeiras coa zurda, parado no borde da área, un centro atrás. O balón voou cara a escuadra dereita da portería rival. O meta local viu chover a pelota xirando con ímpeto e cargada de fe até a rede.

Antón e Pedro -dous imprescindíbeis, está dito- imprimen o seu selo en todo o que fan. Así resolveu o Antela en dez minutos un partido que ameazaba con se converter noutro lameiro: con intelixencia, paciencia, plan e fe. Os deuses do fútbol premiaron ademais con goles a constancia de Boán e Joni, dous que resumen o carácter do cadro de futbolistas, que volve a funcionar como unha máquina apisoadora.

O empate do Celanova en Sande contra o Cartelle afasta un pouco máis aos de Mociño (sete puntos abaixo), que empezan a mirar cara o Muíños e o Polígono (ambos a dez puntos do Antela). Na Moreira, o ceo volve lucir como na primeira volta de competición e o equipo promete mellores tardes, con fútbol e magnolias, símbolo de forza, beleza e perseveranza: os lobos. Así os queremos, desatados.

FICHA TÉCNICA

A Peroxa, 0; Antela, 4.

A Peroxa: Miguel, Brais, Abel, Alejandro (Oussama, 80′), Oliveira (Vilar, 80′), Héctor (Lago, 80′), Pablo Martínez (Edgar, 80′), Vieira, Marcos Domínguez, Lucas Álvarez (Roi, 46′)e Hermida.

Antela: Bruno Pío, Tiago, Lois, Boán (Joni, 85′), Cole, Breixo, Caneiro (Carlos, 66′), Xabi Lamas, Óliver (Dinís, 85′), Brais Outeiriño (Antón, 55′) e Jorginho (Pedro, 66′).

Goles: 0-1, min. 75: Antón; 0-2, min. 83: Pedro; 0-3, min. 84: Boán; e 0-4, min. 90: Joni

Árbitro: Xoel Pintos. Amoestou a Lucas Álvarez e Pablo Martínez polos locais; e a Tiago, Cole, Boán e Óliver polos visitantes. Tiago, Boán e Óliver cumpren ciclo e non poderán xogar contra o Cartelle.

Incidencias: Un cento de espectadores no Marco.

Breixo regresou tras a sanción.

O once limiano.

Jorginho sufriu un pequeno corte.

Os cambios: Antón por Brais.

Entran Pedro e Carlos por Caneiro e Jorginho.

Dinís e Joni xogaron os minutos finais.

Bruno Gómez, ao remate do partido.

AS CRÓNICAS

PRÓXIMO PARTIDO: Antela – Cartelle, domingo 23 de marzo na Moreira.

Fonte: antela.fala.gal

VER NOTICIA COMPLETA