Denuncia dunha queima «abusiva e descontrolada» de ducias de hectáreas no concello de Bande
O Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) denunciou publicamente unha intervención de axentes forestais, dependentes da Xunta de Galiza, que cualificaron como unha queima «abusiva e descontrolada». Segundo o MEL, esta acción provocou a devastación de varias ducias de hectáreas de monte baixo e arborado na marxe dereita da estrada OU-301, no traxecto entre A Feiranova e Bande, preto do núcleo de Guín, no concello de Bande.
A organización ecoloxista, alertada por veciños na xornada de onte, constatou como se realizou unha queima preventiva que afectou a unha importante extensión de mato e árbores. O MEL subliña a contradición de que esta queima tivese lugar o mesmo día en que a Administración autonómica prohibiu explicitamente as queimadas para os días seguintes.
O Movemento Ecoloxista da Limia denuncia que a intervención foi descontrolada, ata o punto de requirir a intervención de equipos de extinción. Sostéñen que a acción se realizou «contra a opinión dos técnicos forestais que traballan sobre o terreo». O resultado é unha paisaxe de monte queimado que, segundo o MEL, ten un impacto negativo sobre a fauna, especialmente sobre a avifauna, nunha zona ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves), e sobre exemplares de carballos, nun momento de «plena explosión de vida primaveral».
O MEL cuestiona a política da Xunta e afirma que «onde queimamos xa non volve arder», criticando que «a Xunta queima o país para que os lumes non lle estraguen as vacacións aos responsables de apagalos».
Finalmente, o Movemento Ecoloxista da Limia esixe explicacións á Administración autonómica sobre «quen deu a orde, con que argumentos e cales son as perdas causadas por esta acción». Lembrou que, despois de perder miles de hectáreas recentemente, «cada metro cadrado de monte é ouro» e considera que «esta non é maneira de tratar ao monte».
Fonte: www.dendealimia.com
