A Casa da Cultura de Xinzo de Limia acolleu hoxe o inicio dun novo curso de formación para o emprego: Auxiliar de Actividades de Almacén. Esta iniciativa, promovida polo Concello de Xinzo de Limia e o Dispositivo Comarcal de Inclusión Sociolaboral de Maceda, busca mellorar a empregabilidade na comarca.
A concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Benestar, Ángeles Martínez, asistiu á primeira sesión. O curso ofrece formación técnica en Xestión de Almacén e Xestión de Pedidos (picking-packing). Ademais, capacitará aos alumnos no manexo de carretilla elevadora, carretilla retráctil e plataforma elevadora, e incluíra a obtención da acreditación oficial en Manipulación e Hixiene Alimentaria.
Complementando a formación técnica, celebrarase un obradoiro grupal sobre Busca Activa de Emprego. Nesta edición participan veciños de Xinzo de Limia, Vilar de Barrio e Sandiás, o que evidencia o alcance territorial destas políticas de emprego.
O dispositivo comarcal organizador pertence ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia, que ofrece orientación sociolaboral a persoas en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social de 22 concellos da provincia de Ourense. Estas accións formativas están cofinanciadas pola Unión Europea a través do Programa FSE + Galicia 2021-2027.
Fonte: www.diariodolimia.gal
