Grave caso de maltrato animal en Baronzás (Xinzo de Limia): un can faleceu tras un forte golpe na cabeza
A Asociación da Rúa denuncia os feitos e o Seprona xa investiga.
A Asociación da Rúa, entidade sen ánimo de lucro dedicada ao control de colonias felinas e á defensa do benestar animal, informou dun presunto caso de maltrato animal ocorrido o pasado domingo pola mañá en Baronzás, no concello de Xinzo de Limia. O caso xa está baixo investigación do Seprona.
Segundo relata a asociación, recibiron un aviso sobre un can atrapado entre dúas fincas. No momento da chamada, o animal estaba vivo e sen feridas visibles. Porén, aproximadamente media hora despois, cando unha voluntaria chegou ao lugar, o can xa falecera. A causa da morte foi un forte golpe na cabeza que lle provocou a rotura do cranio.
Os feitos sucederon nun curto espazo de tempo, a plena luz do día e nunha zona non illada, o que xerou alarma social. A Asociación da Rúa denuncia que «alguén decidiu acabar cunha vida de forma deliberada e cruel», amosando a súa «rabia, indignación e impotencia».
Piden xustiza para «Breti»
A entidade decidiu nomear ao animal como «Breti» para evitar o anonimato. Dende a asociación afirman que a súa morte obriga a «alzar a voz e loitar para que feitos coma este non se repitan», cualificando de «obrigación moral» dar visibilidade ao caso.
As autoridades foron alertadas de inmediato e xa se presentou unha denuncia. O Seprona está a levar a cabo as investigacións pertinentes para esclarecer os feitos e depurar responsabilidades.
A Asociación da Rúa fai un chamamento á colaboración cidadá, solicitando que calquera persoa que vira ou oíra algo contacte coa propia entidade ou coas autoridades. Ademais, lembran que ante calquera caso de maltrato animal ou animal ferido, atrapado ou extraviado, sempre se debe avisar ás autoridades locais, que son as competentes para actuar con garantías.
Fonte: www.diariodolimia.gal
