Xinzo dará a saída da etapa raíña do Gran Camiño

Diario do Limia

A provincia de Ourense acollerá a etapa raíña de O Gran Camiño 2026 o vindeiro 17 de abril. A proba ciclista partirá de Xinzo de Limia e terá a súa meta en Xunqueira de Espadanedo.

A presentación oficial tivo lugar hoxe no Mosteiro de Xunqueira de Espadanedo, coa presenza do alcalde de Xunqueira de Espadanedo, Pablo Graña; a concelleira de Deportes de Xinzo de Limia, Cristina Campero; o director da proba, Ezequiel Mosquera; e o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor.

Luis Menor destacou o retorno do ciclismo de máximo nivel a Ourense, lembrando edicións pasadas con gran participación e apoio popular. Subliñou a gran afección da provincia e a súa capacidade para albergar grandes eventos, amosándose optimista co cambio de datas da carreira a abril. Tamén resaltou a proxección internacional da proba, transmitida en máis de 150 países, e o seu prestixio deportivo, con gañadores como Alejandro Valverde, Jonas Vingegaard ou Derek Gee.

O presidente da Deputación de Ourense afirmou que a institución aposta por eventos que combinan deporte, promoción turística, economía local e orgullo territorial. Sinalou que cada etapa supón unha oportunidade para dinamizar concellos, impulsar a hostalería e reforzar a marca Ourense. A etapa entre Xinzo e Xunqueira buscará recuperar a esencia da histórica Volta Ciclista a Galicia, promovendo tamén as potencialidades turísticas da provincia.

Fonte: www.diariodolimia.gal

VER NOTICIA COMPLETA