A Asociación de Mulleres Rurais A Arracada participou novamente na decoración de Nadal do concello de Vilar de Santos, destacando o seu compromiso coa vida comunitaria e o traballo artesanal feminino.
A asociación xa colaborara en anos anteriores na decoración dos espazos públicos do concello, elaborando e colocando adornos. O ano pasado, A Arracada impulsou unha iniciativa propia: a creación dunha árbore de Nadal feita integramente con cadrados de ganchillo elaborados polas súas socias.
Esta árbore serviu de símbolo para o proxecto de cooperación internacional «Nadais entrelaçados». Trátase dunha colaboración con unha entidade de mulleres do Brasil, que busca fomentar a irmandade e a unión entre ambas asociacións. Como parte deste proxecto, confeccionáronse bandeiras de Brasil e Galicia en ganchillo, que se expuxeron tanto en Vilar de Santos como na cidade brasileira de Bananal, simbolizando a sororidade e a unión a pesar da distancia.
Este ano, A Arracada aposta pola sustentabilidade e o valor do traballo xa realizado, reutilizando a decoración do Nadal pasado. O local social da asociación e a praza do concello foron decorados cos elementos creados o ano anterior, mantendo así vivo o proxecto e a súa mensaxe de colaboración e traballo en rede entre mulleres. Con estas accións, a asociación subliña o seu apoio a iniciativas que dinamizan o rural, promoven a participación cidadá e reforzan o sentimento de comunidade.
Fonte: www.dendealimia.com
