O Entroido de Xinzo é un dos máis importantes en canto á carga ritual. É o máis longo de toda Europa, xa que as súas celebracións esténdense durante cinco semanas consecutivas.
Os días principais son o Domingo, Luns e Martes de Entroido, pero o Ciclo Tradicional arrinca moito antes, cos Domingos Fareleiro, Oleiro e Corredoiro, e aínda se prolonga co Domingo de Piñata.
Para entender a importancia singular do noso Entroido, sinalar que dende o ano 2019 está declarado de “Interese Turístico Internacional”.
Petardazo
Debido á gran atracción turística que supón este acontecemento, decidiuse que os sábados que anteceden aos domingos do ciclo tamén fosen de festa.
Así, arrincamos co Sábado de Petardazo, que, xusto ás 00:00 horas, dá comezo á celebración co lanzamento dun gran foguete que estoura nos ceos limiáns, avisando a todas as veciñas e veciños do inicio do Ciclo Entroideiro.
Fareleiro
Esta é unha tradición dirixida especialmente ás máis cativas e cativos, aínda que, ao final, todos desfrutamos da xornada.
Para atopar os seus antecedentes temos que remontarnos décadas atrás, cando as mozas e mozos xogaban a lanzarse os farelos ao ir facer a muiñada.
Quilos e quilos de farelos e de fariña son a munición perfecta para esta incruenta batalla que deixa a Praza Maior, as rúas adxacentes… e a todas e todos os que se atreven a participar, tinguidas dunha inconfundíbel cor branca.
Se estás pensando en visitarnos nesta xornada, non veñas de calquera xeito! mellor trae a roupa máis vella do teu armario.
Colgamento do Meco
Antes do Domingo Oleiro, celébrase o sábado do desfile e colgamento do Meco, que presidirá a festa como símbolo entroideiro galego en contra da autoridade e que serve para facer burla de personaxes de actualidade, coa retranca e bo humor que caracteriza aos limiaos.
Na súa viaxe ata a privilexiada atalaia desde a cal observará o decorrer da festa, o Meco é acompañado pola Procesión dos Fachós, que son elaborados artesanalmente coa palla colleitada a man nunha seitura que se realiza no mes de xullo.
Oleiro
A tradición das olas é unha das máis orixinais, espectaculares e vistosas do Ciclo do Entroido antelán.
Ten a súa orixe no antigo costume de “roubarlle” as olas ás mozas cando ían pola auga ás fontes e pasalas de man en man entre os mozos como xeito de entablar relación co sexo oposto.
Actualmente, o Xogo das Olas celébrase á tardiña na Praza Maior e nas rúas do Barrio de Abaixo, ata chegar á Praza de Oriente. Centos de olas traídas de Niñodáguia voan polo ar e rematan estourando contra o chan, rachando en mil anacos.
Unhas, as máis, viaxan baleiras, mentres outras levan dentro sorpresas que os xogadores descubren ao rachar. As regras din que aquel ao que lle caia a ola debe pagar unha rolda de viño ao resto de participantes.
Noite de Corredoiro
Na véspera do Domingo Corredoiro, celébrase a Noite de Corredoiro, na que os homes han de ir vestidos de mulleres e que se instaurou como unha das citas máis importantes dos días previos, debido a que xa se albisca a proximidade do comezo da actividade entroideira e xa se respira o espírito festivo.
Nesta noite, comezan a verse os primeiros grupos organizados e disfrazados e as primeiras parodias, aproveitando e tirando partido do travestismo puntual.
Corredoiro
Atrás quedaron os domingos temáticos e na terceira fin de semana entroideira, desátanse as ansias de festa e centos de persoas disfrazadas se botan ás rúas de Xinzo, animándoas co despregue multicor característico.
A novidade é que as Pantallas teñen xa permiso para tomar o seu lugar nas prazas e rúas da vila, e podemos velas por primeira vez. O que uns días despois se tornará habitual ten o seu comezo oficial nesta xornada.
A música e os disfraces enchen o pobo e locais, e visitantes desfrutan dunha tarde xa de pleno entroido, que nos últimos anos é case indistinguíbel dos días grandes que aínda están por vir.
Entroido
Estamos nas xornadas centrais da celebración, atrás quedaron as fins de semana previas. Agora, durante catro días consecutivos, a xente toma as rúas de Xinzo ataviados coas roupaxes máis estrafalarias ou cos disfraces máis elaborados, todo vale, todo está ben, non hai regras escritas.
Individual e colectivamente, a sorpresa pode saltar en calquera recuncho en forma de escenificación, representación ou parodia. A presenza da música é constante: gaiteiros, charangas, … e sempre, sempre, co pano de fondo que representa o son das Pantallas, correndo, saltando, facendo sonar choquiñas e axóuxeres, entrechocando as vexigas, ouveando pra poñer respecto na xente e medo naqueles que anden sen disfrazar.
É o Entroido de Xinzo, un sentimento!
Desfile Infantil
Pola súa espectacularidade visual e imaxinativa, o Desfile Infantil, que se celebra o venres antes da fin de semana do Entroido, tense consolidado nos últimos anos como unha das citas imprescindíbeis no calendario.
Centos de nenas e nenos percorren as rúas de Xinzo dende os seus colexios ata a Praza Maior, onde se mesturan con outros nenos e nenas que veñen dende centros do resto de concellos da Limia.
Cada clase traballa nas semanas previas no traxe que lucirán nesta xornada, reforzando a implicación e o coñecemento das súas tradicións dos cativos e cativas da comarca.
Sábado
Quentamos motores, por diante preséntanse catro días intensos de festa, hai tempo para troulear pero non é cuestión de deixar pasar as oportunidades, hai que aproveitar dende os primeiros compases pra non laiarse ao final.
Domingo
Dende ben cedo pola mañanciña, os máis madrugadores, ou os que aínda non se deitaron da noite anterior, déixanse ver xa polas rúas do barrio vello saudando aos que a esas horas diríxense á igrexa do pobo á obrigada cita dominical.
Precisamente, a saída da celebración relixiosa é aproveitada por moitos para despregar as súas dotes humorísticas diante dunha audiencia entregada e, ao tempo, animar a rutina habitual das feligresas.
Luns
O Luns, ao non ser día feriado, é unha xornada tradicionalmente aproveitada polos veciños e veciñas de Xinzo para desfrutar da festa cun chisco máis de intimidade.
Especialmente pola mañá, o entroido pódese confundir coas tarefas cotiás da vila e a imaxinación pode baterte nos fuciños á volta de calquera esquina.
Martes
Estamos perto do remate e imos facelo por todo o alto. Centos de visitantes se achegan para asistir ao Desfile do Martes e ver pasar disfraces, comparsas, carrozas e grupos musicais.
Logo de un mes, apuramos as últimas horas de festa.
Enterro da Sardiña
Remata o Entroido, atrás quedaron as xornadas felices e a ledicia da festa, toca despedirse ata o ano seguinte.
Todos os sentementos de tristeza, que acompañan a esta despedida temporal, son novamente satirizados e esaxerados ata o extremo no cortexo fúnebre que acompaña á sardiña ao seu inevitable final de lume nesta primeira xornada da recén estreada Coaresma.
Nada fuxe á ollada transgresora do Entroido, ata a mesmísima Dona da Fouce, con todas as súas connotacións negativas, é obxecto de burla e parodia.
Domingo de Piñata
A semana de carnaval, no resto da península, terminaría co enterro da sardiña, pero outra das peculiaridades do Entroido de Xinzo é que aínda se alarga un día máis, ata o Domingo de Piñata, no que a festa se dá por rematada coa realización de actividades infantís e cos derradeiros compases das charangas.
A Pantalla: O Gardián do Entroido de Xinzo
A Pantalla é a máscara tradicional de Xinzo, un símbolo do pobo a nivel internacional cuxo cometido é ser o gardián do Entroido, garantindo que todo o mundo forme parte activa da festa.
Traxe
O traxe da Pantalla consta dos seguintes elementos:
- Camisa e pantalón brancos
- Faixa vermella
- Polainas negras de veludo, pana ou fieltro
- Capa vermella con cintas de cores variadas
- Sapatos negros e luvas
Elementos Sonoros
A Pantalla tamén leva un cinto de campás e axóuxeres, e na súa man, as distintivas vexigas de vaca, que ao ser golpeadas producen un son distintivo e único.
A Máscara
O elemento máis significativo da Pantalla é a propia máscara, fabricada artesanalmente con papel, fieltro, cartón e engrudo, e pintada con esmaltes de cores diversas e vistosas. A máscara reflicte a personalidade do propietario ou da propietaria.
Comportamento e Actividade
A Pantalla representa unha especie de ser supraterrenal, con ceño engurrado que, paradoxalmente, tamén sorrí de forma satírica. O seu baile é rítmico, entre saltando e camiñando, coas costas un pouco curvadas, os brazos abertos e as pernas arqueadas.
O seu comportamento principal é precisamente o baile, aínda que tamén ten outra función importante: ao detectar a alguén que ande pola rúa sen o obrigado disfrace, a Pantalla ten permiso para collelo e levalo en volandas ata o bar máis cercano, onde deberá convidar a unha rolda de viño.
Fonte: http://xinzo.gal/entroido/