O Concello de Xinzo de Limia anuncia a segunda edición dos premios Semente, que terá lugar o vindeiro venres, 27 de marzo. A gala enmárcase dentro das xornadas “Ruralmente”, organizadas polo GDR Limia Arnoia, poñendo o colofón a unha semana centrada no rural.
A principal novidade desta edición é o cambio “estratéxico” de localización. Co obxectivo de que o certame represente a verdadeira esencia do sector primario, a organización decidiu achegar a gala a unha contorna rural, trasladando a celebración á Casa da Brea, no lugar de Piñeira Seca.
A gala deste ano celebrarase o último día das xornadas “Ruralmente”. Aínda que o Concello e o GDR organizan os eventos por separado, colaboraron para crear a “gran semana do rural na comarca”. As xornadas de debate e innovación de “Ruralmente” combinaranse coa entrega de galardóns. O alcalde de Xinzo, Amador Díaz, subliñou a importancia de que a gala “respirase a nosa esencia ao cen por cen” co este cambio de localización.
Os premios manteñen o seu obxectivo: premiar a innovación, o relevo xeracional e o traballo de quen fan da Limia e de Galicia un referente. A organización reedita a súa aposta con 10 categorías oficiais e un Premio Especial Semente fóra de concurso. O xurado, de corte técnico e institucional, estará composto por personalidades de universidades galegas, institucións de desenvolvemento, consellos reguladores e organizacións agrarias e sindicatos.
Fonte: www.laregion.es
