Confírmase a presenza da cianobacteria Planktothrix rubescens na charca de Sarreaus.
A confirmación chega a través dun escrito do Goberno de España, emitido pola Secretaría de Estado de Relacións coas Cortes e Asuntos Constitucionais, en resposta a unha pregunta formulada en decembro pola senadora nacionalista María del Carmen da Silva.
A charca de Sarreaus, situada na antiga Lagoa de Antela, presentou a finais de 2025 unha coloración avermellada nas súas augas, o que xerou alarma veciñal pola súa proximidade a antigas explotacións de áridos. As análises preliminares realizadas entón corroboran agora a presenza desta cianobacteria.
A Planktothrix rubescens é unha especie común en augas estancadas e profundas durante o inverno e principios da primavera, mesmo con baixas concentracións de nutrientes. A súa proliferación pode causar coloracións avermelladas ou rosadas na auga debido aos seus pigmentos e ter diversas consecuencias ambientais e sanitarias, dependendo da intensidade e das condicións do medio.
O Goberno sinala que se trata dunha «proliferación natural» comparable a outras detectadas en lagos dos Alpes e no encoro de El Atazar (Madrid).
Respecto a unha embarcación parcialmente afundida na charca, o Executivo indica que formaba parte dunha antiga explotación mineira e que a lámina de auga se atopa nunha propiedade privada, fóra do dominio público hidráulico. Advirten que se detectan vertidos ou afeccións á calidade da auga, iniciaríanse expedientes sancionadores.
En canto á proposta nacionalista dun plan integral de rexeneración, o Goberno lembra que a recuperación da Lagoa de Antela está contemplada no Plan Estratéxico de Humidais a 2030 (aprobado en 2022), aínda que non se detallan actuacións específicas para esta zona.
Fonte: www.laregion.es
