Os tractoristas que manteñen a súa protesta na A-52 á altura de Xinzo de Limia, tras máis dun mes de mobilizacións, lamentan que a Subdelegación do Goberno e o Concello de Xinzo acordasen por separado unha alternativa para o desfile de Entroido deste martes sen ter en conta as súas propostas.
Miguel Gómez, un dos portavoces dos tractoristas, explicou que dende o pasado venres estaban a negociar con ambas as administracións para atopar unha solución consensuada. Sen embargo, o luns sorprendéronse ao coñecer que o Goberno e o Concello xa tiñan unha alternativa pactada.
Os agricultores e gandeiros decidiran manter os tractores na autovía, pero ante a posibilidade de que o bloqueo afectase ao Entroido, propuxeron negociar. Entre as alternativas presentadas atopábanse liberar un sentido da autovía, ocupar só un carril con delimitación con conos, ou mesmo situar os tractores na mediana da vía con medidas de seguridade. Ningunha destas propostas foi aceptada.
Ante a falta de acordo, os manifestantes decidiron non retirar os vehículos, e a súa sorpresa foi que as administracións xa tiñan unha solución acordada sen informarlles previamente.
Os tractoristas agardan unha reunión este venres coa Subdelegación para coñecer a súa postura e decidir en función dos compromisos firmes se desbloquearán ou non a A-52 durante a fin de semana.
Pola súa banda, o alcalde de Xinzo, Amador Díaz, confirmou que se atopou unha alternativa para o desfile, que se celebrará pola N-525. O punto de encontro será na rúa Rosalía de Castro ás 16:30h, e o desfile comezará ás 17:00h percorrendo un itinerario polas rúas Ladeira, Río Sil, Río Támega e Dous de Maio, para concluír fronte ao Museo Galego do Entroido (MUGAE).
Fonte: www.laregion.es
