Convento do Bon Xesús de Trandeiras: camiño cara a BIC
A Xunta de Galicia publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución que inicia o proceso para declarar o Convento do Bon Xesús de Trandeiras, en Xinzo de Limia, Ben de Interese Cultural (BIC).
Foi a Asociación de Amigos do Mosteiro a que, en 2018, propuxo esta denominación para esta «edificació singular que reúne valores arquitectónicos, artísticos e históricos», xa incluída no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.
A declaración como BIC, que inclúe «bens mobles, inmobles e inmateriais máis singulares do patrimonio cultural galego, declarados por decreto do Consello da Xunta de Galicia», proporcionará a este convento franciscano do século XVI protección, conservación e maior valor.
Coñecido tamén como Mosteiro de Trandeiras ou do Bon Xesús, a súa construción comezou en 1520, da man dun dos pioneiros artistas portugueses en Galicia, Bartolomé de Nosendo, amparada pola lenda «dunha milagrosa aparición da Virxe María co Neno Xesús a Xoán Folgoso», un suposto veciño da parroquia.
Este futuro Ben de Interese Cultural está formado actualmente pola igrexa, o refectorio, o claustro, os dormitorios, a hospedería e a horta pechada cun alto muro de pedra, no interior do cal se atopa unha ermida dedicada a Santa Catalina.
Fonte: www.laregion.es