Alcaldesa de Porqueira nominada aos Premios á Muller Rural
O Concello de Porqueira celebra a nominación da súa alcaldesa, Susana Vázquez, á categoría «Alcaldesa Rural». Este recoñecemento subliña o seu compromiso coa igualdade, o desenvolvemento local e a revitalización do rural galego. Os premios teñen como obxectivo visibilizar e valorar o labor das mulleres que lideran e impulsan transformacións no territorio.
Nesta edición, máis de 80 mulleres de toda Galicia foron candidatas, abrangendo dende alcaldesas de pequenos municipios ata emprendedoras, profesionais do sector primario e comunicadoras. A candidatura de Susana Vázquez destaca a relevancia do seu liderado nun contexto rural cada vez máis dinámico, innovador e liderado por mulleres.
A votación popular permanecerá aberta ata o 15 de febreiro a través da páxina web oficial dos premios. As tres candidatas con máis apoios en cada categoría avanzarán á fase final, onde un xurado profesional decidirá ás gañadoras.
A gala de entrega de premios terá lugar o 20 de febreiro en San Xoán de Río, enmarcada como evento principal do Congreso da Muller Rural Galicia 2026.
Fonte: www.diariodolimia.gal
