O concello de Porqueira fixo público o fallo do xurado do seu I Concurso de Decoración de Nadal. A localidade de Toxal resultou gañadora absoluta desta primeira edición, grazas ao esforzo conxunto dos seus veciños para iluminar e decorar as súas rúas. Como recoñecemento ao seu traballo e unión, a alcaldesa, Susana Vázquez, anunciou que o premio consistirá nunha gran comida de confraternización para todos os veciños do pobo.
Ademais do galardón colectivo, o premio á casa coa mellor decoración do Nadal foi para José Leal Rico. O xurado cualificou a súa montaxe de «espectacular» e como premio obtivo unha cesta de produtos típicos.
O goberno local celebra a alta participación rexistrada, agradecendo tamén o traballo dos veciños de A Forxa, San Mamede, Fontemoura e San Lourenzo, cuxas decoracións contribuíron a encher de luz e ambiente festivo todo o concello.
Susana Vázquez destacou que este tipo de iniciativas «non só fan máis bonito Porqueira no Nadal, senón que manteñen vivo o espírito de comunidade». A data da comida popular en Toxal concretarase proximamente cos veciños.
Fonte: www.diariodolimia.gal
