O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, anunciou en Bande, xunto coa alcaldesa Sandra Quintas, que a partir do 12 de xuño o Goberno galego ampliará o servizo de transporte interurbano na liña Bande – Ourense.
A liña Bande – Ourense contará con novas frecuencias e adaptación de horarios: de luns a venres haberá dous novos servizos a media mañá, e os venres pola tarde engadirase unha expedición adicional en cada sentido. A oferta de fin de semana tamén se renovará, con dous servizos de ida e volta os sábados, e tres os domingos. En días festivos haberá dous servizos en cada sentido.
Para mellorar a cobertura na Baixa Limia, a liña Entrimo – Bande permitirá enlazar con todos os servizos da conexión Bande – Ourense. Os usuarios de Muíños tamén poderán enlazar en Bande.
En Terras de Celanova, axustáronse os horarios das liñas que enlazan co servizo Bande – Ourense. As liñas con saída en Parbón ou San Martiño poderán incorporarse á conexión Bande – Ourense na Manchica, e a liña Cortegada – Celanova permitirá a conexión de Ramirás, Gomesende e Cortegada coa liña Bande – Ourense.
Algúns destes servizos serán baixo demanda, requirindo reserva previa na web bus.gal ou chamando ao 988 687 800.
Aplícanse descontos e bonificacións vixentes no transporte público autonómico, como a Tarxeta Xente Nova e a Tarifa +65.
Fonte: www.diariodolimia.gal