Un accidente de tráfico na A-52, en Trasmiras, saldouse con dous feridos. A colisión por alcance entre un camión de gando e un vehículo da BRILAT (Exército de Terra) ocorreu no punto quilométrico 183, sentido Benavente, ás 11:18 horas.
Os dous feridos viaxaban no camión do Exército, un deles de gravidade, mentres que o condutor do camión de gando resultou ileso. Activouse un helicóptero de urxencias sanitarias para atender ao ferido grave. Os bombeiros de Xinzo tamén se mobilizaron.
O impacto provocou importantes danos no vehículo da BRILAT. A autovía A-52 está cortada ao tráfico sentido Benavente, dende o km 188 (Zos) ata o km 180 (Trasmiras), causando retencións e desviando o tráfico pola N-525.
Fonte: www.diariodolimia.gal
