O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense condenou o Concello de Trasmiras ao pago de 2.141,70 euros á empresa Editora de Medios Locais, S.L. Esta sentenza pon fin a un litigio motivado polo impagamento da factura 52/2023, correspondente a traballos de cobertura informativa e xestión de redes sociais realizados entre xuño e agosto de 2023.
O consistorio mantiña unha relación contractual coa empresa dende maio de 2022, prorrogada de forma tácita. A pesar da correcta prestación dos servizos, o alcalde, Emilio José Pazos Ojea, non atendeu as reclamacións de pago nin os burofaxes da empresa, o que a levou á vía xudicial.
Na vista celebrada o 28 de xaneiro de 2026, a administración demandada optou polo allanamento, recoñecendo as pretensións da parte actora. O xuíz José Andrés Verdeja Melero condenou o Concello de Trasmiras ao pago do importe principal da factura, os intereses legais e as costas procesuais.
O tribunal considera que o rexeitamento inicial da reclamación previa, en xuño de 2024, obrigou á apertura dun proceso xudicial que rematou co recoñecemento total da débeda. Polo tanto, o Concello de Trasmiras abonará máis de 1.000 euros adicionais aos inicialmente reclamados.
Fonte: www.diariodolimia.gal
