A Deputación de Ourense apoia con 78.000€ o proxecto «Mixturando» no GDR Limia-Arnoia
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou unha achega de 78.000 euros para o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia-Arnoia, destinados ao proxecto «Mixturando». Esta iniciativa busca a valorización do bosque mixto atlántico en Galicia e Asturias.
O proxecto, cun orzamento total de máis de 1,6 millóns de euros financiados polos fondos europeos Next Generation EU, é unha alianza colaborativa entre o GDR Limia-Arnoia, GDR Terra e Auga, GDR Camín Real de la Mesa (Asturias) e a Universidade de Santiago de Compostela. O seu obxectivo é promover a xestión forestal sostible e a preservación da biodiversidade, contribuíndo ao desenvolvemento socioeconómico.
O GDR Limia-Arnoia implementará modelos sostibles nos concellos de Entrimo, Lobios, Lobeira e Muíños, no Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés. As accións inclúen a mellora silvícola, a restauración de masas mixtas, a recuperación de sobreiras e castiñeiros, e a mellora da produción de madeira. Estas intervencións buscan fomentar a bioeconomía e beneficiar a agricultores, gandeiros e apicultores da comarca.
O proxecto Mixturando desenvolverase ao longo de 2024 e 2025.
Fonte: www.diariodolimia.gal
