Xinzo recupera o Festival da Canción Humorística para potenciar a retranca e o enxeño do Entroido

Dende A Limia

O Concello de Xinzo de Limia retoma o Festival da Canción Humorística, unha tradición histórica do Entroido da vila. O evento terá lugar o Sábado de Entroido, 14 de febreiro, ás 19:00 horas na Praza Maior.

O obxectivo principal do festival é recuperar a «retranca» do Entroido, permitindo que a veciñanza volva protagonizar a Praza Maior co enxeño e a música que sempre caracterizaron a Xinzo.

O concurso premiará a estética, a posta en escena e, sobre todo, o humor das composicións orixinais. Repartiranse 1.000 euros en premios: 500 € para o gañador, 300 € para o segundo e 200 € para o terceiro.

Os colectivos interesados, de entre 5 e 15 membros, poderán inscribirse ata o luns 9 de febreiro ás 20:00 horas. As bases e o formulario de inscrición están dispoñibles na web municipal www.xinzodelimia.gal. A inscrición realízase enviando o formulario ao correo electrónico [email protected] ou presencialmente na Biblioteca Municipal.

As normas de participación establecen unha duración máxima de dez minutos por actuación, sendo obrigatoria a interpretación dunha composición de música festiva orixinal. Valorarase o coidado do disfrace e a temática conxunta dos compoñentes.

Está prohibido o uso de elementos pirotécnicos ou que poidan causar danos, así como a participación cun animal. Un xurado, composto por un mínimo de tres persoas designadas pola Concellería de Festexos e Xuventude, valorará a estética, orixinalidade, posta en escena, intelixibilidade e humor das composicións.

Os resultados do festival faranse públicos nas redes sociais do Concello esa mesma noite e oficialmente o domingo de Piñata.

Fonte: www.dendealimia.com

VER NOTICIA COMPLETA