Vilar de Barrio reforza a súa posición como referente en España da valorización da pataca e a dinamización do medio rural

Dende A Limia

O Concello de Vilar de Barrio consolida o seu papel clave no desenvolvemento territorial, a cohesión social e a dinamización económica a través da valorización da produción local de pataca. Esta posición afianzouse coa súa recente integración na Rede Nacional de Pobos Produtores de Pataca.

A incorporación á rede foi formalizada na sesión previa á III Gala dos Premios Nacionais da Pataca, celebrada en Medina del Campo o pasado 22 de xaneiro. Esta rede recoñece á Festa da Pataca de Vilar de Barrio como unha ferramenta estratéxica que, durante case medio século, ten contribuído á valorización do produto, á promoción territorial e á dinamización do sector.

O evento da Festa da Pataca, que na edición de 2026 celebrará a súa 47ª edición, non só destaca a calidade da produción local, senón que tamén xera un impacto directo na hostalería, o comercio e o turismo rural, diversificando a base económica do municipio.

A inclusión de Vilar de Barrio na Rede Nacional de Pobos Produtores de Pataca representa un recoñecemento institucional á traxectoria do concello na promoción deste cultivo. Esta integración facilitará a creación de sinerxias entre territorios, o intercambio de boas prácticas e a apertura a novas oportunidades de comercialización.

Estas accións enmárcanse nunha estratexia integral de apoio aos sectores primario e terciario, combinando a produción agraria coa creación de eventos, experiencias e unha marca territorial. Este enfoque busca fixar poboación en áreas rurais, combinando actividade agraria, identidade local e economía de servizos.

O alcalde de Vilar de Barrio, Manuel Conde, sinalou que «apoiar aos nosos produtores e xerar actividade económica ao redor dos nosos recursos é fundamental para garantir futuro no territorio». Engadiu que «a pataca é parte da nosa identidade, pero tamén é unha oportunidade real de emprego, emprendemento e proxección exterior».

Esta estratexia está a desenvolverse a través de proxectos impulsados pola oficina técnica municipal, creada coas axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) para proxectos de dinamización territorial e loita contra o despoboamento. O obxectivo é converter Vilar de Barrio nun referente no desenvolvemento rural baseado en recursos endóxenos, innovación social e cooperación institucional, articulando agricultura, identidade territorial e economía local.

Fonte: www.dendealimia.com

VER NOTICIA COMPLETA