Sandiás acolleu unha charla-obradoiro da campaña «Toponimízate»
O pasado 20 de xuño, o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela, en Sandiás, foi o escenario dunha charla-obradoiro da campaña «Toponimízate», impulsada pola Real Academia Galega co apoio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia.
Preto de 30 veciños participaron no evento, onde Vicente Feijóo, coordinador da unidade técnica de toponimia da Real Academia Galega, explicou o Nomenclator, casos de topónimos deturpados e a importancia da microtoponimia. Tamén informou sobre a aplicación Galicia Nomeada, ferramenta para a recolla de microtopónimos en risco de desaparición, que xa recuperou máis de 78.000 nomes.
Durante a charla, analizouse a orixe de topónimos como Sandiás, Cerredelo, Lavandeira, entre outros, e tratáronse os motivos da súa desaparición, así como os usos prácticos da toponimia.
A campaña «Toponimízate» busca promover a participación cidadá na preservación do patrimonio toponímico galego e fortalecer o sentimento de identidade colectiva.
Fonte: www.dendealimia.com