A Revolta da España baleirada volve saír á rúa nesta xornada reivindicativa, que cada ano convoca en outubro baixo o lema EU PARO POLO meu POBO, para demostrar que as persoas que sufrimos o problema do despoboamento nos nosos territorios seguimos loitando e expondo solucións que revertan esta situación.
Cartel-E.-Baleirada retocado
Son moitas as trabas que os nosos municipios atopan para non perder poboación e para recibir a novos habitantes. Á carencia de servizos súmase non só a escaseza de oportunidades laborais que aseguren o emprego a quen quere vivir aquí, senón tamén o problema da falta de vivenda, sobre a que poñemos este ano o acento das nosas reivindicacións, xa que, se se carece da mesma, non é posible o asentamento poboacional.
Deste xeito, o lema elixido nesta ocasión é: “Quero o meu fogar neste lugar”. Por estes motivos concentrámonos estes días nas prazas dos nosos pobos, para reclamar ás institucións que traballen por un modelo de país que non obrigue a ninguén a marchar do seu territorio, senón que, pola contra, permita desenvolver ós novos poboadores de calquera idade o seu proxecto de vida no mesmo.
Pedimos un modelo de país que posibilite que desde a España baleirada podamos ver o futuro con esperanza. Volvemos expor a creación dun plan de retorno rural, con políticas activas de emprego, vivenda, comunicacións e lecer, que axuden a incentivar o retorno da mocidade que vive nunha cidade, pero que quererían facelo no medio rural.
Tamén pedimos a posta en marcha de políticas encamiñadas ó asentamento de novos residentes en territorios ameazados polo despoboamento. Facemos un chamamento público á implicación de todas as institucións e os axentes sociais ante este problema.
Necesitamos que as políticas de vivenda na España baleirada ofrezan solucións ó problema de escaseza ou ausencia de casas de alugueiro ou venda a prezos razoables. Para un primeiro asentamento no territorio necesítanse vivendas públicas de alugueiro que ofrezan a opción de poder elixir vivir nun pobo.
Non se pode seguir incentivando a construción de vivendas públicas só nas grandes cidades. Así, as poboacións que sofren o problema do despoboamento, especialmente nos territorios rurais, seguirán perdendo poboación e non poderán lograr as súas expectativas de atraer a novos poboadores, por moitos servizos que estas poidan ofrecer. Non se trata só de construír desde cero.
Os nosos pobos están cheos de casas baleiras que ninguén habita, e que nalgunhas ocasións mesmo se atopan abandonadas. Casas sen xente e xente sen casas. A rehabilitación de vivendas devolvería a súa habitabilidade a moitas casas que sofren o abandono dos seus propietarios, á vez que favorecería a reactivación económica que necesitamos; contribuirían a transformar a imaxe deteriorada pola paisaxe de ruínas que presentan moitos pobos.
Por todo o devandito, reivindicamos o dereito en igualdade ó acceso a unha vivenda digna nos pobos da España baleirada, e que axude á loita contra o despoboamento. “Quero o meu fogar neste lugar” “Ser poucos non resta dereitos
Fonte: www.dendealimia.com