Prolimia quere converterse nun Centro Comercial Aberto

Dende A Limia

ProLimia inicia o proceso para ser Centro Comercial Aberto

Na xuntanza celebrada o pasado 28 de novembro, na que participaron 13 persoas, ProLimia deu un paso decisivo para o futuro do comercio de Xinzo ao aprobar o inicio do proceso de inscrición como Centro Comercial Aberto (CCA).

O acordo alcanzouse tras unha votación na que se contabilizaron 15 votos a favor e 1 abstención. Este paso non implica cambios inmediatos nin obrigas adicionais automáticas, xa que se informará máis adiante sobre o pago da cota correspondente ao 2026. Trátase do comezo dun camiño que busca mellorar a organización e reforzar o comercio local a medio e longo prazo.

Beneficios de ser un Centro Comercial Aberto

Durante a reunión, explicáronse os principais beneficios de formar parte dun CCA, entre os que destacan:

  • Acceso a campañas subvencionadas de promoción, fidelización e dinamización comercial, cofinanciadas pola Xunta de Galicia.
  • Maior visibilidade para os negocios mediante accións conxuntas, publicidade, materiais impresos, redes sociais e presenza nos medios.
  • Apoio económico indirecto a través de bonos, premios, formacións e servizos, sen que os negocios individuais asuman o custo.
  • Coordinación profesional (xerencia) para a xestión de campañas, subvencións, xustificacións e relación coas administracións.
  • Acceso a formación e recursos para mellorar a xestión, a dixitalización e a competitividade do comercio.
  • Representación colectiva diante do Concello, Xunta e outras entidades, con maior forza e capacidade de negociación.
  • Fomento do consumo local e posta en valor do comercio de proximidade.
  • Pertenza a unha rede galega oficial de Centros Comerciais Abertos, recoñecida pola Xunta de Galicia como selo de calidade e compromiso coa vila.

Os asistentes tamén tiveron coñecemento das contas da campaña de Nadal. ProLimia comprométese a seguir informando puntualmente sobre os seguintes pasos e decisións que se vaian tomando neste proceso.

Fonte: www.dendealimia.com

VER NOTICIA COMPLETA