Máis de 40.000 euros para mellorar as infraestruturas do parque empresarial de Chorente en Allariz
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, xunto coa alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, visitou o parque empresarial de Chorente para supervisar as melloras na infraestrutura viaria, financiadas cunha achega de máis de 40.000 euros da Consellería de Economía e Industria.
Esta iniciativa forma parte dun investimento global do Goberno galego superior a 500.000 euros destinado a parques industriais na provincia de Ourense, que inclúe actuacións nos concellos de Allariz (40.308€), San Cibrao das Viñas (120.000€), Vilamarín (74.424€), Xinzo de Limia (59.310€), O Pereiro de Aguiar (119.966€) e A Gudiña (93.522€). A finalidade destas actuacións é modernizar e mellorar a competitividade dos polígonos industriais, dotándoos das infraestruturas e servizos necesarios para a actividade empresarial.
Ademais, lembrouse a apertura dunha nova orde de axudas con máis de 3,4 millóns de euros dirixida aos concellos galegos. Estas axudas permitirán financiar melloras en iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, infraestruturas viarias e servizos de subministración de gas e hidróxeno verde. Como novidade, a nova orde inclúe a posibilidade de destinar fondos á mellora de infraestruturas e espazos públicos dos parques empresariais para a súa integración paisaxística.
As achegas desta nova orde subvencionan ata o 80% do importe subvencionable, cun límite de 120.000 euros para solicitudes individuais e 138.000 euros para solicitudes conxuntas, podendo contemplar anticipos de ata o 25% da axuda. O prazo de presentación de solicitudes finaliza o 3 de marzo.
O representante da Xunta subliñou o compromiso do Goberno galego co sector empresarial de Ourense, buscando optimizar os servizos e infraestruturas dos parques empresariais mediante a colaboración cos concellos para fomentar a implantación de empresas e a creación de emprego local.
Fonte: www.dendealimia.com
