Poesía en Sandiás: Unha viaxe sensorial da man de Rochi Novoa

Dende A Limia

O pasado 18 de marzo, o Local Social do Concello de Sandiás acolleu un obradoiro poético organizado pola Furgoteca, baixo a presentación de Reme Cid e a dinámica dinamización de Rochi Nóvoa.

A iniciativa, dirixida a todos os públicos, incluíndo 20 alumnos do CEIP de Sandiás e os seus profesores, rompeu coa lectura pasiva para ofrecer un circuíto de estacións poéticas creativas e dinámicas. O obxectivo foi achegar a lírica, fomentando a creatividade colectiva e permitindo aos asistentes «habitar e xogar» cos versos, explorando a poesía como unha experiencia que se percorre e non só se le.

Neste contexto, a escritora Rochi Nóvoa presentou o seu libro «Versos e Lúas» cun formato participativo e lúdico, transformando o acto de lectura nunha presentación en movemento. O espazo do Local Social converteuse nun itinerario creativo con varias estacións e probas deseñadas para que os máis novos viaxasen polos versos de forma entretida.

O obradoiro incluíu actividades como a creación de poemas con obxectos, rima lóstrego, haiku, poesía sonora, poema de cor, poesía estean, cadáver exquisito, debuxar paisaxes, ordenar poemas e crear versos propios. Os participantes identificaron cartas con imaxes, autores de estrofas, ordenaron frases, aprenderon a debuxar poemas, practicaron regueifas e crearon rimas a partir de obxectos escollidos a cegas, entre outras propostas.

Ao finalizar, Rochi Nóvoa agasallou a cada asistente cun detalle personalizado que incluía un doce e unha mensaxe oculta. Os alumnos comprometéronse a finalizar a creación dos seus poemas no seu colexio.

A xornada celebrouse no marco da Festa da Poesía, destacando a contribución de Rochi Nóvoa á difusión da poesía entre crianzas, educadores e familias, promovendo o intercambio cultural e a forza da palabra.

Fonte: www.dendealimia.com

VER NOTICIA COMPLETA