A pequena aldea das Conchas, na Baixa Limia, con pouco máis de 20 veciños, celebrou a súa vitoria nunha demanda interposta contra as administracións públicas (concellos, Xunta e Confederación Hidrográfica) polo estado do seu embalse. A festa consistiu nunha merenda-cea ao redor dunha cociña de leña na «caseta da barca», situada a escasos metros das augas. O encontro contou con empanada, lacóns asados, bica, viño da terra e licor café.
Os veciños estiveron acompañados por Eduardo Costas, un dos científicos que analiza as augas do embalse dende 2011 e que formou parte do equipo de peritos que os defendeu, así como por membros do movemento Augas Limpas.
A celebración, na que tamén houbo música de Fuxan os Ventos, foi seguida por dous cámaras que están a realizar un documental sobre o proceso, que se estreará a finais de ano. A pesar da alegría, a pregunta que pairaba no ambiente era: «E agora que?».
Fonte: www.dendealimia.com
