​O xeodestino “Terras de Celanova-Serra do Xurés” incorpora 9 novos distintivos ao Sistema Integral de Calidade Turística Española

Dende A Limia

Novos distintivos de calidade turística para o Xeodestino «Terras de Celanova-Serra do Xurés»

Quintela de Leirado, 15 de decembro de 2025

O Xeodestino «Terras de Celanova-Serra do Xurés» incorpora hoxe 9 novos servizos turísticos distinguidos polo Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED). O acto de entrega de diplomas tivo lugar no Museo da Emigración de Quintela de Leirado.

Na xornada participaron o presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o alcalde de Quintela de Leirado, José Antonio Pérez; o xefe da área de Turismo da Xunta en Ourense, Cecilio Santalices; e a xerente do Inorde, Emma González.

Rosendo Fernández destacou o turismo como unha «ferramenta clave» para afrontar o reto demográfico e xerar oportunidades no rural, apostando por unha oferta sostible e de calidade. Agradeceu o esforzo das entidades públicas e privadas na formación para obter estes distintivos, que acreditan a calidade da oferta turística na provincia de Ourense e, en particular, neste xeodestino xestionado polo Inorde.

Fernández subliñou a crecente incorporación de servizos turísticos na provincia que, conscientes das novas demandas dos viaxeiros, apostan por distintivos como o SICTED para ofrecer un destino sostible e que preserva a súa identidade.

Os 9 servizos distinguidos este ano son:

  • Ana Canal Fraga (guía de turismo de Entrimo)
  • Casa A. Xanela Azul (Celanova)
  • El Ranchisto Ecuestre (Entrimo)
  • Lirios do Xurés: aventura e natureza (Entrimo)
  • Museo da Emigración A Guinea (Quintela de Leirado)
  • Oficina Municipal de Turismo (Celanova)
  • Reitoral de Ansemil (Celanova)
  • Riquiña Celanova
  • Xesta Brava (Ramirás)

Con estas novas incorporacións, o Xeodestino «Terras de Celanova-Serra do Xurés» suma xa 21 establecementos distinguidos polo SICTED, consolidándose como un exemplo de coordinación e mellora continua no sector turístico da provincia. Os servizos abarcan ata dez oficios distintos, como guías de turismo, vivendas de uso turístico, experiencias e talleres, turismo activo, museos, oficinas de información turística, aloxamentos rurais, bares, hoteis e restauración.

Este proxecto é froito da colaboración entre o Inorde, a Axencia de Turismo de Galicia e os quince concellos que integran o xeodestino.

Ao longo deste ano, leváronse a cabo diversas actuacións para promover un destino sostible e de calidade, incluíndo a presentación de ferramentas dixitais, a publicación dun monográfico da Revista Turismo Rural que chegará a toda España en xaneiro e a presentación dun novo vídeo de turismo familiar en Fitur, dando continuidade ás iniciativas de ecoexperiencias iniciadas o ano pasado.

Fonte: www.dendealimia.com

VER NOTICIA COMPLETA