O temporal pon en risco a viabilidade de numerosas explotacións agrarias na Limia

Dende A Limia

A Asociación de Desenvolvemento Local da Limia (ADEGAL) trasladou ás distintas Administracións a grave situación que a bisbarra está a atravesar, agravada polas dificultades derivadas do temporal e de varios anos nos que o cultivo de cereais se atopa abocado ao abandono. ADEGAL subliña a urxencia das medidas a adoptar ante unha crise sen precedentes que pon en risco numerosas explotacións, empresas vinculadas ao sector primario e a propia economía da comarca, cuxo motor principal é a agricultura e a gandería.

A Limia, que conta cun gran potencial agrogandeiro, necesita a implicación e a aposta das Administracións para potenciar e protexer a actividade de todas as explotacións existentes, así como para facilitar as ampliacións e o relevo xeracional.

As persistentes choivas do inverno teñen consecuencias nefastas para o sector primario limián, estragando por completo o cereal de inverno implantado, o que implica unha perda total dos cultivos e, consecuentemente, grandes perdas económicas para as familias.

A comarca da Limia é a principal produtora de cereal de Galicia e a base da provisión do IXP Pan de Cea e do IXP Pan Galego, dedicando máis de 15.000 hectáreas ao cultivo de cereais. A problemática esténdese ao cultivo da colza, xa que as inundacións sufridas acabaron por estragar a súa viabilidade.

Ante esta situación, ADEGAL manifesta a necesidade de:

  • Declarar a Limia como “Zona afectada por unha emerxencia”.
  • Recoñecer que o rendemento da colleita de cereal de ciclo longo pode sufrir un descenso do 90%. Das 8.000 hectáreas de cereal de inverno sementadas na Limia, só se puideron sementar 2.000 en tempo debido ás adversidades climáticas do outono. Isto supón unha perda económica directa de 2.000.000 € para a comarca. Adicionalmente, o estrago das 700 hectáreas de colza implantadas xera unha perda de 1.200.000 €. As perdas totais para as familias da bisbarra ascenden a 3.200.000 €.
  • Abordar os danos nas infraestruturas agrarias (pistas, cortaventos, etc.) e o maior asolagamento das terras de cultivo derivados da deficiente drenaxe das cunetas, canais, ríos e regatos.
  • Actualizar e adaptar os baremos dos seguros agrarios á realidade produtiva da zona, xa que os actuais non contemplan adecuadamente o rendemento dos cultivos.
  • Establecer unha bonificación fiscal (IRPF, Imposto de Sociedades, IBI) para todos os produtores afectados.
  • Promover axustes nas cotizacións da Seguridade Social dos agricultores e gandeiros afectados.
  • Adiantar as axudas da PAC e facilitar axudas para a compra de abonos e semente, seguindo o modelo aplicado noutras crises como a guerra de Ucraína ou a seca.

Fonte: www.dendealimia.com

VER NOTICIA COMPLETA