​O Teatro Principal de Ourense participa na estrea de La flauta mágica de Mozart, unha nova produción do Real Teatro de Retiro de Madrid

Dende A Limia

Nova Produción de «A Frauta Máxica» chega a Ourense

O próximo 21 de marzo estréase unha nova produción de A Frauta Máxica de W. A. Mozart, unha iniciativa do Real Teatro de Retiro, escenario para público novo do Teatro Real e do Concello de Madrid, en coprodución co Teatro da Maestranza de Sevilla e o Teatro Principal de Ourense.

O vicepresidente segundo e deputado de Cultura da Deputación de Ourense, César Fernández, e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón, participaron na presentación deste espectáculo en Madrid. A produción chegará a Ourense en datas aínda por determinar.

A Frauta Máxica, con libreto de Emanuel Schikaneder, narra as aventuras de Tamino, quen xunto a Papageno e cunha frauta encantada, busca rescatar a Pamina, filla da Raíña da Noite.

Esta ópera, coñecida pola súa partitura luminosa e teatral, combina pezas de gran virtuosismo, melodías populares e coros, pasando do humor á intensidade dramática. Estreada en Viena en 1791, é unha das obras máis accesibles do repertorio lírico, ideal para públicos novos e familiares.

A directora de escena, Raquel Alarcón, sinalou que a produción busca adaptar o espírito orixinal de Mozart ao contexto actual para que os mozos se poidan identificar coa historia.

A versión presentada no Real Teatro de Retiro, cunha adaptación en castelán de Susana Gómez, concíbese como unha ópera-estudo e será interpretada cunha versión para piano a catro mans de Bruno Dozza. Esta proposta busca crear un diálogo sonoro entre a música orixinal de Mozart e a contemporaneidade.

A repartición conta con catro novos talentos do programa Crescendo do Teatro Real: Pablo Puértolas (Tamino), Lucía Iglesias (Pamina), Natividad Oval (Raíña da Noite e Papagena) e Yasmín Forastiero (Dama e Xenio). Completan o elenco Adrián Saiz (Sarastro), Aslam Safla (Papageno) e Yasel IIIarramendi (Monóstatos).

A escenografía de Raquel Alarcón inspírase en figuras como David Bowie, Salvador Dalí e Alicia no país das marabillas, combinando realidade e ficción para construír un universo visual.

Fonte: www.dendealimia.com

VER NOTICIA COMPLETA