I Festival de Nadal do CEIP Carlos Casares enche de emoción a Casa da Cultura de Xinzo
A Casa da Cultura de Xinzo de Limia acolleu o pasado domingo o I Festival de Nadal organizado pola ANPA do CEIP Carlos Casares en colaboración coa ANPA do IES Rosalía de Castro. O evento, que tivo unha gran acollida e encheu o auditorio, destacou pola súa orixinalidade ao vincular as actuacións escolares cunha temática narrativa titulada «percorrido ao longo das estrelas».
Cada unha das intervencións artísticas serviu para simbolizar o acendido dunha estrela no escenario, creando unha homenaxe á memoria de figuras relevantes da historia e a cultura, con especial mención á adicada á insigne escritora Rosalía de Castro.
O alumnado foi o protagonista da xornada, amosando as súas habilidades desenvolvidas ao longo do ano. Participaron nos distintos obradoiros e colectivos como Teatro Aneis (teatro), Dxartem e Fusión Fitness (ritmo e baile), e Coeducontando (contacontos).
Dende o Concello de Xinzo de Limia considérase un grande éxito esta primeira edición, que soubo combinar a festividade do Nadal coa posta en valor da cultura e a memoria colectiva.
Fonte: www.dendealimia.com
