O Grupo Socialista esixe que a Deputación se implique na adopción de solucións urxentes contra a contaminación crónica do encoro das Conchas

Dende A Limia

O Grupo Provincial Socialista da Deputación de Ourense presentou unha moción para esixir «solucións urxentes» á contaminación crónica do encoro das Conchas, que afecta principalmente aos concellos de Lobeira, Bande, Lobios, Muíños e Entrimo. A deputada Elvira Lama denunciou a grave situación, que leva décadas afectando á saúde pública e ao medio ambiente na conca do río Limia.

A moción, que se debaterá no pleno, reclama un rol proactivo da Deputación na coordinación dunha resposta contundente ante esta crise. Pide apoio técnico, xurídico e financeiro para os concellos afectados, sistemas alternativos de abastecemento de auga potable e estudos epidemiolóxicos. Tamén esixe unha liña de axudas para compensar os prexuízos da contaminación e apoiar o desenvolvemento sustentable.

Os socialistas demandan á Xunta a declaración da comarca como «zona vulnerable por nitratos» e a posta en marcha dunha planta de tratamento de xurros. Ao Estado, reclaman un plan de descontaminación con orzamento específico e medidas de control sobre vertidos de xurros e residuos agrogandeiros. A moción tamén solicita que a Deputación se solidarice coa demanda xudicial presentada polos veciños, pendente de resolución xudicial.

A contaminación do encoro, causada principalmente pola gandería intensiva, provocou explosións de cianobacterias desde 2011, con niveis de toxinas que triplican os límites da OMS. Tamén se detectaron bacterias resistentes aos antibióticos e niveis elevados de nitratos, supoñendo un risco para a saúde.

Fonte: www.dendealimia.com

VER NOTICIA COMPLETA