A vila de Ponte de Lima, a máis antiga de Portugal, puxo fin á celebración do seu 900 aniversario da carta foral, concedida no ano 1125 pola raíña Dona Teresa de León. Este evento culminou un ano de intensas conmemoracións enfocadas en fortalecer a identidade histórica e cultural da vila.
Na cerimonia de clausura estiveron presentes autoridades de ambos os países. Por parte galega, o vicepresidente da Xunta de Galicia, Diego Calvo, liderou a representación, á que se sumou o concelleiro de Cultura e Relacións Institucionais de Xinzo de Limia, Carlos Gómez. Portugal estivo representado polo ministro de Defensa, Nuno Melo; o presidente da Câmara Municipal, Vasco Ferraz; e o presidente da Assembleia Municipal, João Mimoso de Morais.
A participación de Xinzo de Limia subliña a consolidación dos vínculos históricos e culturais entre ambas as marxes do río Limia, reforzados polo protocolo de irmandamento asinado hai preto de cincuenta anos.
Durante o último ano, Ponte de Lima organizou unha variada programación de concertos, conferencias e exposicións para resaltar o «limianismo» característico da vila e reivindicar o seu papel como berce municipal portugués. O municipio, con case 40.000 habitantes, mobilizou á súa comunidade en torno á súa historia e dinamismo económico.
A clausura non só honrou a concesión do foro por Dona Teresa, senón que tamén serviu para proxectar o futuro dunha vila que, nove séculos despois, mantense como un referente cultural e simbólico do norte de Portugal e un aliado estratéxico para Xinzo de Limia.
Fonte: www.dendealimia.com
