O Concello de Xinzo de Limia solicitou á Subdelegación do Goberno unha memoria valorada dos danos provocados polo temporal de febreiro, cun custo total de 1.135.459,62 euros (IVE incluído). O obxectivo é acollerse ás subvencións do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, destinadas a Zonas Afectadas Gravemente por Emerxencia de Protección Civil (ZAGEPC), que cobren ata o 50% dos custos de reparación.
A virulencia do temporal obrigou á activación por primeira vez do Plan de Actuación Municipal fronte ao risco de Inundacións o pasado 3 de febreiro. O alcalde, Amador Díaz, destacou a importancia da rápida activación deste protocolo e a coordinación para protexer á poboación e evitar males maiores, aínda que as infraestruturas sufriron danos considerables.
As actuacións previstas inclúen a intervención sobre 75 quilómetros de vías municipais. O concelleiro de Obras, Ramón Gómez, detallou que os traballos se dividirán en:
- Pistas de terra (55 km): Apertura e limpeza de cunetas, e extensión e perfilamento de base de zahorra artificial.
- Pistas pavimentadas (20 km): Limpeza de cunetas, bacheo con aglomerado e aplicación de triplo rego asfáltico.
- Reposición de canalizacións: Subministro e instalación de 500 metros cúbicos de tubos de PVC e mellora de colectores de pluviais.
O Concello de Xinzo de Limia agarda unha resolución favorable do Estado para poder licitar e executar estas obras canto antes.
Fonte: www.dendealimia.com
