Nomeados os Xuíces Honorarios 2026 do Couto Mixto

Dende A Limia

Aprobados os nomeamentos de Xuíces e Xuízas Honorarios do Couto Mixto 2026

A Asociación de Amigos e Amigas do Couto Mixto celebrou unha Asemblea Xeral Extraordinaria o pasado 28 de marzo de 2026 no Liceo de Ourense. Durante a xuntanza, foron aprobadas as propostas de nomeamento das persoas e entidades distinguidas este ano cos títulos honoríficos de Xuices e Xuizas Honorarios do Couto Mixto.

Distincións outorgadas:

  • ASOCIACIÓN DE MULLERES RURAIS A RAIA, DE BALTAR: Recibe o título de Xuíza Honoraria do Couto Mixto en recoñecemento ao seu compromiso coa dinamización social do rural, a convivencia veciñal e a participación activa das mulleres na vida comunitaria. A asociación destaca o seu labor continuado a través de actividades culturais, sociais e educativas que contribúen á cohesión social, á valorización do papel das mulleres no medio rural e á transmisión dos valores identitarios do territorio.
  • XURXO LOBATO: O recoñecido fotógrafo galego será nomeado Xuíz Honorario do Couto Mixto. A asociación salientou a súa traxectoria no fotoxornalismo e na divulgación do patrimonio cultural, así como a súa achega ao Couto Mixto a través do traballo fotográfico realizado no libro «O Couto Mixto: unha república esquecida» (2005), que contribuíu a construír a memoria visual deste territorio.
  • MARCO FRANCO NEVES: O lingüista, escritor, docente e divulgador portugués foi elixido Xuíz Honorario do Couto Mixto. Recoñéceselle a súa destacada figura na difusión da lingua portuguesa como ponte entre comunidades e a súa contribución ao diálogo cultural e lingüístico entre Galicia e Portugal, especialmente pola súa reflexión sobre a relación entre galego e portugués.

Acto de entrega

A entrega oficial das distincións terá lugar o sábado 4 de xullo de 2026, ás 12:30 horas, na Igrexa de Santiago de Rubiás, durante o acto central da Asociación de Amigos e Amigas do Couto Mixto. Os homenaxeados recibirán un diploma acreditativo, unha insignia de prata e unha chave simbólica.

A Asociación de Amigos e Amigas do Couto Mixto, integrada no colectivo Galeguizar Galicia, mantén así o seu labor de recoñecemento a persoas e colectivos que contribúen á preservación da memoria, valores e singularidade histórica e cultural dos territorios do Couto Mixto.

Fonte: www.dendealimia.com

VER NOTICIA COMPLETA