Medio Rural pon en marcha unha Escola de Pastores, en colaboración coa Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia

Dende A Limia

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, en colaboración coa Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica) e a Fundación La Caixa, pon en marcha a Escola de Pastores. Este proxecto formativo, que busca profesionalizar o manexo do gando ovino e caprino, inclúe formación específica en pastoreo.

A presentación do proxecto terá lugar mañá no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde en Xinzo de Limia.

A formación, de carácter oficial, consta dunha parte teórica de 250 horas sobre aptitude empresarial agraria especializada e unha parte práctica de 320 horas. Ofrecerase entre marzo e xullo, e de setembro a outubro.

Os alumnos poderán realizar prácticas en granxas da provincia de Ourense, concretamente nos concellos da Gudiña, A Mezquita, Baltar, Castrelo do Val, Chandrexa de Queixa, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Os Blancos, Riós, Sarreaus, Trasmiras, Verín, Viana do Bolo, Vilar de Barrio, Vilardevós, Vilariño de Conso e Xinzo de Limia, grazas á colaboración dos gandeiros de Ovica.

Esta iniciativa pretende favorecer a incorporación de profesionais ao pastoreo, potenciar a cría extensiva, que contribúe á creación de barreiras naturais fronte aos incendios forestais, e promover un monte xestionado e produtivo.

A Escola de Pastores busca transmitir coñecemento técnico e experiencia real, mellorar a rendibilidade das explotacións e reforzar a produción de alimentos de calidade vinculados ao territorio.

Fonte: www.dendealimia.com

VER NOTICIA COMPLETA