Manuel Pardo sinala o proxecto «Clases Sen Fume» da Xunta, como unha ferramenta para loitar contra o tabaquismo no ámbito escolar da provincia de Ourense

Dende A Limia

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou o colexio CPR Luis Vives, un dos oito centros educativos da provincia que se unen á iniciativa «Clases sen fume». Este programa, promovido pola Consellería de Sanidade coa colaboración das Consellerías de Educación e da Dirección Xeral de Xuventude, ten como obxectivo principal previr o inicio do consumo de tabaco entre os mozos e mozas da provincia.

A campaña, enmarcada no Plan Proxecta, está dirixida ao alumnado de 1º e 2º de ESO. Consiste nun compromiso por parte de alumnos e profesores de cada aula de non fumar durante seis meses. Deste xeito, búscase reforzar a decisión voluntaria de adoptar hábitos de vida saudables, fomentar unha presión de grupo positiva a través do traballo en equipo e animar á participación nun concurso de actividades de prevención do tabaquismo.

Manuel Pardo aproveitou a súa visita para facer un chamamento á mocidade da provincia, instándoos a implicarse activamente na loita contra o tabaquismo e a ser conscientes dos prexuízos deste hábito, tanto para a saúde como para o medio ambiente. Subliñou que «ningún produto do tabaco, incluídos os cigarros electrónicos, é seguro» e alertou sobre os riscos específicos da nicotina en menores de 25 anos, xa que pode danar as áreas cerebrais responsables da atención, a aprendizaxe, o estado de ánimo e o control de impulsos.

Ademais do CPR Luis Vives, os outros centros educativos da provincia de Ourense que participan no programa son: IES de Allariz (Allariz), CPR Sagrado Corazón (Celanova), CPR María Inmaculada (Verín), IES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia), CPI José García García, CPR Padre Feijoo Zorelle e IES O Couto (Ourense).

Fonte: www.dendealimia.com

VER NOTICIA COMPLETA