O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, reuniuse hoxe con alcaldes da provincia para coordinar as tarefas de limpeza e xestión da biomasa en faixas secundarias, co obxectivo de previr e combater incendios forestais.
Pardo subliñou a importancia da colaboración entre administracións e sociedade, lembrando aos concellos a necesidade de asinar o convenio de cooperación. Aqueles que desexen realizar traballos este ano, deberán adherirse antes do 21 de marzo para permitir a planificación.
Ademais, os concellos terán que remitir á Xunta o seu plan de traballo antes do 31 de marzo. O obxectivo principal é protexer á cidadanía, salvagardar os recursos naturais e garantir a seguridade do persoal, mediante unha planificación preventiva máis sólida e unha resposta operativa eficaz.
A Xunta incrementou o orzamento para a prevención de incendios nun 50%, alcanzando os 75,38 millóns de euros para 2026. Asemade, duplica o investimento en tarefas de limpeza e xestión da biomasa, ata os 25 millóns de euros anuais, incluíndo un fondo específico de 10 millóns para a Limpeza de Faixas.
O convenio tamén reforza o apoio a concellos e particulares, especialmente aos de menos de 10.000 habitantes, e busca agilizar as execucións subsidiarias en zonas de risco onde os titulares non cumpran coas súas obrigas.
O número de parroquias priorizadas aumentou de 157 a 276. Nestas, os particulares poderán contratar a Seaga para rozas por 420 euros por hectárea. Seaga tamén poderá realizar execucións subsidiarias de ata 10 hectáreas por concello e ano fóra das parroquias priorizadas, ademais de limpar 12 quilómetros de vías municipais.
Ampliarase o subministro de especies vexetais que contribúan á creación de franxas naturais de protección dos núcleos urbanos, reducindo a necesidade de limpas futuras.
Os municipios adheridos poderán contar coa axuda de Seaga para revisar, modificar ou elaborar o seu plan municipal de prevención, así como para realizar inspeccións e notificar aos propietarios dos predios.
A comezos de ano, iniciouse a contratación de 12 lotes de traballo por 6 millóns de euros (IVE incluído), que permitirán actuar en preto de 1.900 hectáreas e máis de 37.000 parcelas en toda Galicia, en concellos adheridos.
Fonte: www.dendealimia.com
