A Deputación de Ourense mantén un amplo dispositivo técnico e humano fronte ás incidencias causadas polas persistentes choivas.
O presidente provincial, Luis Menor, supervisou os traballos na estrada OU-0108 (Allariz-Maceda), onde brigadas do Servizo de Vías e Obras actuaron tras o derrube dun muro que afectou a cuneta e provocou a inundación parcial da calzada no termo municipal de Xunqueira de Ambía. Os equipos retiraron cascallos, limpáronse sistemas de drenaxe e repuxéronse provisionalmente as condicións de seguridade.
Antonio Carlos Sánchez Moro, xefe da sección de conservación e explotación, informou que se activará a contratación dunha obra de emerxencia para repoñer o firme na estrada OU-0306 (entre San Cristobo e Leiro), onde onte se derrubou.
Menor subliñou que «a Deputación está onde hai un problema, con resposta inmediata e coordinada, porque garantir a mobilidade no rural é garantir igualdade e cohesión territorial».
Despregamento de brigadas
Cerca de 80 profesionais, distribuídos en 16 brigadas con 60 operarios, 6 vixiantes, 3 encargados e 6 equipos de retén adicionais, traballan en toda a provincia para minimizar os efectos do temporal. As brigadas están despregadas nas comarcas de Allariz-Maceda, O Carballiño, Celanova, Ourense, Trives, Parada de Sil, Valdeorras, Viana-A Veiga, Verín, Xinzo de Limia e Bande.
Actuacións prioritarias
As intervencións máis frecuentes céntranse na drenaxe e seguridade, incluíndo desatranco de canos, limpeza de foxos e cunetas, estabilización de noiros e muros, e reparación provisional de fochancas. Estas son medidas preventivas e temporais, xa que as condicións meteorolóxicas non permiten asfaltados definitivos. «Non podemos esperar a que mellore o tempo para actuar; primeiro está a seguridade dos usuarios», afirmou o presidente.
Compromiso co rural e chamamento á prudencia
A Deputación xestiona máis de 1.850 quilómetros de estradas provinciais, moitas en zonas rurais sensibles. Menor insistiu na prioridade de facilitar a evacuación de augas e manter as estradas transitables con seguridade, e fixo un chamamento á cidadanía para circular con máxima precaución.
O Servizo Provincial de Vías e Obras tamén lembra que os intensos ventos provocan a caída de ramas e árbores nas vías públicas. Solicítase aos propietarios de terreos anexos á rede viaria que manteñan as súas árbores en bo estado de mantemento e poda para evitar problemas.
Fonte: www.dendealimia.com
