A Deputación de Ourense celebra o seu segundo aniversario de mandato
O presidente da Deputación, Luis Menor, acompañado do seu equipo, conmemorou o segundo aniversario do seu mandato no mosteiro de Santo Estevo de Ribas, un lugar escollido para reforzar a confianza na candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco.
Menor destacou varios fitos, entre eles, un orzamento récord de máis de 100 millóns de euros en 2025, a integración total do Plan CooperOU (18 millóns) nos presupostos e unha financiación directa ás entidades locais de 63,6 millóns. Tamén salientou o mantemento da rede de estradas provinciais (16 M€), a débeda cero e a liquidación da débeda con Meisa (1,5 millóns).
A Deputación mobilizou preto de 3,2 M€ nunha nova política de subvencións, e logrou financiamento europeo por importe de 18,4 millóns de euros para proxectos como a dixitalización do ciclo da auga (7,75 M€) e a modernización dixital da administración (4 M€).
Tamén se destacou a colaboración transfronteiriza con Portugal, con investimentos de 15,5 M€ en proxectos conxuntos, a cooperación coa CEO no programa ExportOU, o apoio á dixitalización de empresas (AcelerOU) e o financiamento do estacionamento seguro no polígono de San Cibrao das Viñas.
No ámbito social, subliñouse o aumento de recursos para o Servizo de Axuda no Fogar e a Teleasistencia, así como o programa «8M, mes a mes». En materia ambiental, a Deputación centra os seus esforzos na xestión de residuos e proxectos do ciclo da auga. Ademais, impulsou programas innovadores no termalismo e presentou campañas turísticas en Fitur.
No deporte, destacou o programa de Fomento Deportivo e o apoio a eventos deportivos nacionais. Na cultura, mencionou a 30ª edición do Ourense Film Festival e as actividades no Centro Cultural Marcos Valcárcel e o Teatro Principal.
Para o futuro, a Deputación buscará aumentar a colaboración coa Xunta e Portugal, optar a máis fondos europeos, usar a Intelixencia Artificial para mellorar os servizos e apoiar ás entidades sociais e a internacionalización empresarial.
Fonte: www.dendealimia.com