EAPN Galicia declara «Tolerancia e respecto» contra o discurso do odio e a aporofobia
O 18 de xuño, Día Internacional para Contrarrestar o Discurso de Odio, a Asemblea Xeral de EAPN Galicia aprobou por unanimidade a declaración «Tolerancia e respecto. Fronte ao discurso do odio e a aporofobia». A declaración denuncia a normalización do discurso do odio e a aporofobia e chama á responsabilidade colectiva para garantir os dereitos das persoas vulnerables.
Malia que en Galicia non hai representación política que promova discursos de odio, obsérvanse situacións discriminatorias crecentes. EAPN Galicia convida á sociedade civil galega e, en especial, ás organizacións do Terceiro Sector, a sumar esforzos para construír unha sociedade máis xusta e inclusiva.
A declaración reitera os principios da Declaración Institucional do Parlamento de Galicia de 2020, que afirma que «as persoas non son culpables da súa pobreza» e que os poderes públicos deben reducir as desigualdades e combater a discriminación.
EAPN Galicia comprométese a difundir exemplos de convivencia e a respectar a dignidade e a intimidade das persoas en situación de exclusión social.
Fonte: www.dendealimia.com