O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reitera a súa esixencia ao Goberno do Estado para que retire o seu apoio ao acordo comercial entre a Unión Europea e o Mercosur e traballe activamente para impedir a súa ratificación. O partido considera que este acordo representa unha ameaza directa para a supervivencia de milleiros de explotacións agro-gandeiras galegas e para o conxunto dos sectores produtivos do país.
A senadora do BNG, Carme da Silva, denuncia que o executivo español «apoiou de maneira entusiasta un acordo profundamente lesivo para a Galiza, sen calibrar nin asumir as consecuencias económicas, sociais e ambientais que terá para o noso tecido produtivo». O acordo, aprobado polo Consello da UE o pasado 9 de xaneiro co voto favorábel do Estado español, permitirá a entrada sen aranceis de grandes cantidades de carne de vacún, aves e mel, cifras que equivalen ou superan a produción anual galega.
O BNG advirte que isto supón unha «competencia desleal», xa que os produtos importados non cumpren cos mesmos estándares ambientais, sanitarios nin laborais esixidos ás gandeiras e agricultores galegos. A formación reclama ao Goberno que recoñeza o impacto negativo deste acordo no sector agro-gandeiro galego, que xa se atopa nunha situación delicada pola suba de custos, enfermidades animais, a incerteza da reforma da PAC e o recorte de fondos agrarios.
Ademais, o BNG demanda coherencia nas políticas climáticas do Goberno, criticando que se propoña a defensa da biodiversidade mentres se apoia un acordo que fomenta o transporte de alimentos a longa distancia e o monocultivo intensivo, en detrimento da produción de proximidade.
O partido tamén sinala que os sistemas produtivos dos países do Mercosur operan con condicións diferentes, permitindo o uso de pesticidas e antibióticos prohibidos na UE, sen os mesmos controis fitosanitarios, e con condicións laborais precarias que abaratan artificialmente os prezos.
O BNG critica o «cinismo político do Partido Popular», acusándoo de pretender capitalizar o malestar do sector mentres foi un dos principais impulsores do acordo UE-Mercosur. O partido considera inaceptábel que o PP tente presentarse agora como defensor do sector primario cando mantén unha posición favorable ao acordo.
Fronte a isto, o BNG reivindica o seu traballo coherente para frear a aprobación do acordo Mercosur e reclama ao Goberno do Estado que abra un diálogo urxente co sector agrario e gandeiro galego, escoite as súas demandas e rectifique a súa posición. Conclúe que a defensa do campo, da produción local e do emprego digno «non é negociable».
Fonte: www.dendealimia.com
