O deputado do BNG no Parlamento galego, Iago Tabarés, rexistrou unha iniciativa na Cámara ante a folga indefinida convocada polo persoal do Consorcio Provincial de Extinción de Incendios e Salvamento de Ourense a partir do día 11. O obxectivo é que a Xunta de Galiza e a Deputación de Ourense, como integrantes do Consorcio, asuman as súas responsabilidades.
Os nacionalistas reclaman que se incremente o cadro de persoal e se melloren as condicións laborais e profesionais dos traballadores para garantir un servizo esencial para a seguridade cidadá, evitando así situacións como as vividas o pasado verán, cando máis de 170.000 hectáreas foron calcinadas en Ourense.
A iniciativa do BNG sinala o incumprimento de acordos acadados hai máis de dous anos para mellorar as condicións laborais e reforzar o persoal, así como a paralización da negociación co comité de empresa.
O BNG urxe á Xunta a aclarar o seu coñecemento da folga, a súa valoración como parte do Consorcio e as medidas concretas que adoptará para resolver o conflito. Tamén se advirte da falta de efectivos en parques como Xinzo de Limia e O Carballiño, onde as gardas están por baixo dos mínimos establecidos.
Ademais, critícase o atraso na oferta pública de emprego para incorporar 17 novos profesionais, os incumprimentos retributivos, as deficiencias na formación e a ausencia de diálogo coa representación dos traballadores.
O deputado Tabarés denuncia que as administracións non aprenderon das consecuencias do pasado verán, que puxeron de manifesto o desbordamento do dispositivo de emerxencias. Engade que persisten carencias estruturais como a falta de avances na comarcalización dos parques de bombeiros e a insuficiencia de efectivos e medios nos GES.
O Bloque demanda á Xunta que desbloquee o conflito, cumpra os seus compromisos e garanta a seguridade tanto dos profesionais como da veciñanza.
Fonte: www.dendealimia.com
