Alumar: Contigo Cada Día, Un Servizo Estable de Acompañamento
O proxecto Alumar, impulsado polo CDR O Viso dentro da iniciativa Tecendo Redes. Coidándo-NÓS, evoluciona e preséntase agora como “Alumar: contigo cada día”. Esta nova etapa consolida Alumar como unha liña de acción estable deseñada para ofrecer acompañamento ás persoas durante todo o ano.
A iniciativa xorde da constatación, a través do servizo de Xantar no fogar, de que moitas persoas atopan na entrega da comida o seu único momento de conversa diaria. Esta realidade, a miúdo invisible, impulsou ao CDR O Viso a ampliar o alcance do seu apoio, indo máis alá da provisión de recursos materiais para incorporar tamén tempo, palabras e presenza nos fogares.
As visitas periódicas, realizadas pola educadora social Aine Opazo e a traballadora social Tania Feijóo, teñen como obxectivo principal ofrecer compañía, escoita activa e apoio emocional. Estas interaccións buscan que as persoas se sintan acompañadas e tamén permiten detectar outras necesidades, facilitando así un día a día máis doado, cómodo e seguro no propio domicilio.
O proxecto reafirma o seu compromiso con “tecer redes, creando vínculos e coidándonos entre todas e todos”, coa premisa fundamental de que “ningunha persoa debería sentirse soa”.
Dende o CDR O Viso fan un chamamento á colaboración cidadá, animando a quen detecte algunha persoa no seu contorno que necesite asesoramento ou axuda, a que se poña en contacto con eles. Recordan que a veciñanza xoga un papel crucial na detección temperá destas situacións.
Fonte: www.dendealimia.com
