O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, xunto coa alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María del Carmen González, supervisou as obras de embelecemento da contorna do Camiño de Inverno neste concello. A actuación, que consistiu na retirada de colectores e residuos, contou cunha achega de 30.000 euros da Axencia de Turismo de Galicia, no marco dunha orde de axudas dirixida a municipios de ata 10.000 habitantes.
Pardo subliñou que, na última resolución destas axudas, a Xunta destinou preto de 920.000 euros a 31 concellos da provincia de Ourense para impulsar o turismo rural e promover a diversificación turística na comunidade. Entre os municipios beneficiados atópanse Esgos, Xunqueira de Espadanedo, Verea, Maside, Oímbra, Bande, Vilar de Barrio, O Bolo, Allariz, Arnoia, Larouco, Sandiás, Cualedro, Muíños, Lobios, A Peroxa, Castrelo do Val, A Merca, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, A Teixeira, Leiro, Petín, Vilariño de Conso, Ribadavia, Melón, Lobeira, Montederramo, Castrelo de Miño, Cartelle e A Gudiña.
Esta orde de axudas, cunha dotación total de 2 millóns de euros, ten como obxectivo a posta en valor turístico dos recursos municipais mediante a súa rehabilitación ou restauración para usos turísticos, a recuperación de elementos etnográficos e de arquitectura tradicional, a mellora da accesibilidade e a sinalización integrada e respectuosa coa contorna.
Os principios reitores destas axudas son o desenvolvemento dun turismo de calidade, accesible e sostible, a potenciación do turismo como motor de crecemento económico, a valorización dos recursos e o fomento do reequilibrio territorial. Fináncianse actuacións como a mellora da sinalización de sendeiros, iluminación e accesos a recursos turísticos, a posta en valor de conxuntos patrimoniais, o acondicionamento de recursos culturais e paisaxísticos, e a recuperación de elementos locais.
Fonte: www.dendealimia.com
