Agricultores galegos concentran tractores en Xinzo de Limia para esixir solucións
Membros da Asociación do Sector Primario de Galicia (ASPG) iniciaron a concentración de tractores na explanada do parque do Toural, en Xinzo de Limia, co obxectivo de visibilizar as súas demandas e esixir solucións concretas. A mobilización prolongarase, polo menos, ata a vindeira semana.
Segundo declarou Javier Losada, agricultor limiao e membro da directiva de ASPG, a decisión de mobilizarse en Xinzo prodúcese tras unha reunión co subdelegado do Goberno na que percibiron «pouca predisposición». Losada afirmou que, de non recibir unha resposta satisfactoria ás súas reivindicacións antes de rematar a próxima semana, os agricultores non permanecerán «quietos» e seguirán adiante coas protestas. O presidente da asociación, Miguel Gómez, anunciou ademais unha reunión para este luns en Ourense con responsables do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).
As máquinas mobilizadas portan diversas mensaxes coas que os agricultores buscan concienciar á poboación sobre as súas peticións, como «SEN CAMPO NON HAI FUTURO», «COMER BARATO SAE CARO» ou «GALICIA PRODUCE, MERCOSUR DESTRÚE».
Fonte: www.dendealimia.com
