A Xefatura da Policía Local deulle traslado á Consellería de Benestar dun informe detallado onde se sinalan posibles infraccións graves á normativa sobre prevención do consumo de alcol en menores. A investigación, iniciada de oficio pola Policía Local tras unha rastreaxe na rede social Instagram, recompilou probas dunha promoción que presuntamente vulnera a Lei 11/2010.
No informe identifícanse como responsables tres entidades: dous establecementos comerciais e o titular da conta de Instagram que difudiu a publicidade. A campaña utilizaba tácticas prohibidas pola lei, como o agasallo de «chupitos» e a invitación ao consumo gratuíto, prácticas que a normativa veta para evitar o fomento do consumo abusivo de alcol.
As autoridades subliñan que estas promocións realizáronse nunha contorna dixital onde non existe control de acceso para menores de idade, como é o caso de Instagram, plataforma frecuentada por mozos de 16 e 17 anos. Isto agrava a infracción ao expor a este colectivo a publicidade de bebidas alcohólicas cuxa venda e promoción lles está restrinxida.
A decisión final sobre o inicio dun expediente sancionador e a imposición de posibles multas corresponde agora á Consellería de Benestar, organismo competente para actuar tras a denuncia da Xefatura da Policía Local. A denuncia inclúe capturas de pantalla, datos dos titulares e o criterio técnico que sustenta o suposto incumprimento normativo.
Fonte: www.dendealimia.com
