A Deputación, en colaboración co socio portugués ADERE, presenta un libro para poñer en valor os entroidos na Reserva da Biosfera Gerês-Xurés

Dende A Limia

A Deputación de Ourense presentou o libro “O Entroido na RBTGX: un patrimonio a preservar”, unha obra transfronteiriza centrada en poñer en valor os entroidos da Reserva da Biosfera Gerês-Xurés (RBTGX).

Esta publicación enmárcase no proxecto europeo Gerês-Xurés Mais Sustentável, cofinanciado polo FEDER a través do Programa INTERREG VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027. O acto contou coa presenza do vicepresidente terceiro da Deputación de Ourense, Plácido Álvarez, e do deputado de Turismo, Rosendo Fernández.

A obra, promovida pola Deputación de Ourense en colaboración con ADERE, ten como obxectivo principal a preservación, estudo e difusión do patrimonio cultural inmaterial do Entroido na RBTGX.

Traballo de campo etnográfico

Ao longo de 2025, realizouse un amplo traballo de campo etnográfico nos seis concellos galegos da RBTGX: Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños. Este traballo incluíu entrevistas e gravacións audiovisuais dos diversos entroidos da zona.

Documentáronse celebracións e personaxes tradicionais como as Madamitas e Galáns de Entrimo, os Folleteiros de Lobios, os Troteiros de Bande e os Cabreiros de Muíños. Tamén se incluíron exemplos da parte portuguesa da Reserva, como os farrangalheiros de Castro Laboreiro, o pai velho de Lindoso, o carnaval de Tourém e o entrudo de Pitões das Júnias.

Dado que estudos similares xa se desenvolveran na parte portuguesa, o proxecto centrouse especialmente na recompilación e sistematización da información correspondente ao territorio galego.

Publicación para conservar e divulgar

Os resultados deste traballo materialízanse nunha publicación dispoñible en versión impresa e dixital, tanto en galego como en portugués. Esta obra preséntase como un repositorio da memoria colectiva deste patrimonio etnográfico e como unha ferramenta para a súa divulgación, interpretación histórico-sociolóxica e promoción didáctica e turística.

O proxecto incluíu trinta entrevistas etnográficas a veciños e veciñas da parte galega, así como a realización de documentos audiovisuais que se desenvolverán ao longo de 2026 e servirán como eixo central para a promoción dos entroidos da RBTGX.

Depósito do material

As entrevistas e gravacións foron depositadas para consulta especializada na Biblioteca da Deputación de Ourense, no Museo do Pobo Galego e na Cidade da Cultura, asegurando así a preservación deste legado etnográfico.

Esta iniciativa subliña o compromiso da Deputación de Ourense coa protección das tradicións populares e coa cooperación transfronteiriza para impulsar proxectos culturais e patrimoniais compartidos.

Fonte: www.dendealimia.com

VER NOTICIA COMPLETA