A asociación Algaria denuncia o abandono do servizo 065 na provincia de Ourense

Dende A Limia

A Asociación de Persoas con Discapacidade da Comarca da Limia (ALGARIA) denuncia o abandono do servizo de transporte adaptado 065 na provincia de Ourense. Esta situación, que se arrastra dende setembro e outubro, está a deixar sen alternativa a persoas con mobilidade reducida.

Segundo o presidente da entidade, Óscar Pena García, as solicitudes ocasionais do servizo están a ser denegadas de forma recorrente, alegando falta de medios suficientes para cubrir a demanda.

ALGARIA recibiu ducias de queixas de usuarios que utilizan este transporte, principalmente para acudir a citas médicas. Ante a denegación do servizo, vense obrigados a recurrir a taxis ou depender de familiares, debido á inexistencia de alternativas de transporte público adaptado, especialmente notable no ámbito rural.

As incidencias prodúcense en varios puntos da provincia, incluíndo O Barco de Valdeorras, Ribadavia, A Limia e a cidade de Ourense, o que confirma que non se trata dun problema puntual senón dunha situación xeneralizada.

O procedemento normal implica solicitar o servizo cunha semana de antelación e recibir confirmación tres días antes do desprazamento. Non obstante, a asociación denuncia que esta confirmación se está a converter en negativas sistemáticas.

Desde ALGARIA reclaman unha solución urxente, xa que o transporte do 065 é fundamental para garantir o acceso á atención sanitaria e a igualdade de dereitos das persoas con discapacidade que carecen doutras opcións de mobilidade.

Fonte: www.dendealimia.com

VER NOTICIA COMPLETA