A alcaldesa seguirá coa denuncia no xulgado polas afirmacións da semana pasada

Dende A Limia

O BNG de Porqueira presentou informes oficiais do propio Concello que alertan de descuadres de efectivo de arredor de 2.000 euros mensuais en distintos servizos municipais, incluíndo a piscina, o servizo de rozas e o Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Sonia Fondevila, portavoz municipal do BNG, quixo deixar claro que a organización non cuestiona a profesionalidade do persoal municipal, senón que se basea en informes oficiais do secretario interventor do Concello.

Fondevila sinalou que estes informes detectan un descuadre nas contas que precisa ser aclarado, xa que se trata de fondos públicos. O BNG leva meses solicitando documentación para tal fin, incluíndo a xustificación dos ingresos do SAF e a súa acreditación en contas bancarias municipais. A documentación achegada ata o momento non son facturas oficiais nin xustificantes válidos, senón anotacións e recibos sen validez administrativa, o que non permite xustificar os movementos de diñeiro público. Fondevila advertiu que estas cantidades poderían superar os 24.000 euros anuais, criticando un control económico baseado en tíckets ou anotacións manuais que non cumpren cos requisitos legais.

Bernardo Varela, portavoz do BNG na Deputación de Ourense, engadiu que o BNG está a cumprir coa súa función de control e trasladando á cidadanía o contido destes informes oficiais. Varela sinalou que os documentos mostran descuadres reiterados sen que consten medidas para corrixilos nin informes que os desmentan, mencionando tamén gastos na piscina municipal sen ingresos asociados. Considera preocupante non só a existencia destes desaxustes contables, senón tamén a ausencia de control e de respostas por parte do goberno municipal.

Ante esta situación, o BNG reclama a entrega inmediata da documentación pendente e propón que o Concello solicite a colaboración dos servizos técnicos da Deputación de Ourense para realizar unha análise independente. Varela explicou que a Deputación conta con medios técnicos para avaliar a situación e determinar se existe un problema real ou se pode haber unha explicación alternativa.

O BNG subliña que esta actuación forma parte do exercicio normal das súas funcións de control democrático, sen facer acusacións, senón formulando preguntas baseadas en documentos oficiais. Concluíron pedindo transparencia e rigor na xestión dos recursos públicos, algo fundamental para garantir os dereitos da veciñanza de Porqueira.

Pola súa banda, a alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez, manifestou que se presentan documentos que vaian a fiscalía, e anunciou que presentará unha denuncia no xulgado polas declaracións da portavoz do BNG no concello, amosando tranquilidade.

Fonte: www.dendealimia.com

VER NOTICIA COMPLETA