O Partido Popular de Ourense celebrou unha conferencia con motivo do Día Mundial da Auga, organizada pola Vicesecretaría de Termalismo do PP provincial. O evento tivo como obxectivo pór en valor a importancia das augas mineromedicinais e do termalismo como recursos estratéxicos para a saúde, a lonxevidade e o benestar. Tamén se analizou o papel da auga como recurso esencial para o desenvolvemento da provincia.
O presidente provincial do PP, Luis Menor, inaugurou o encontro destacando o compromiso da formación co termalismo como un dos grandes activos de Ourense e subliñou que os concellos son fundamentais para o seu impulso. Lamentou a actitude do goberno local da cidade de Ourense, afirmando que «non aposta polo termalismo, busca calquera escusa para non actuar e mesmo chega a menosvaloralo».
O experto Pablo García Vivanco resaltou a importancia do recurso termal e a súa relación coa nutrición e o envellecemento saudable, así como o potencial das augas mineromedicinais para a prevención e promoción da saúde.
Pola súa banda, a vicesecretaria de Termalismo do PP de Ourense, Belén Gómez Quevedo, destacou a capacidade das augas mineromedicinais e termais para favorecer a lonxevidade, a saúde e o benestar en Ourense, unha provincia con gran tradición e potencial termal. Subliñou que iniciativas coma esta permiten poñer en valor o coñecemento científico arredor destas augas e a súa importancia como recurso estratéxico para o futuro da provincia.
Fonte: www.dendealimia.com
