Auga Limpa Xa! retoma á protesta diante do incumprimento da Xunta e da CHMS

Dende A Limia

Un mes despois de que o Tribunal Supremo ditase sentenza a favor dos veciños de As Conchas, que denunciaron á Xunta de Galicia, á Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) e a varios concellos pola contaminación das augas do río Limia, as administracións denunciadas continúan sen presentar as medidas para atallar o problema. A sentenza determinou que tanto a Xunta como a CHMS consentiron e seguen a consentir a contaminación da cunca do Limia, vulnerando dereitos fundamentais e poñendo en risco a saúde de milleiros de persoas.

As administracións tiñan un prazo de tres meses para presentar as medidas a adoptar, pero transcorrido ese tempo, non se coñecen ditas medidas e as declaracións públicas das administracións xeralmente apuntan a unha negación do problema e unha elusión das súas responsabilidades.

Ante este desleixo, a plataforma Auga Limpa Xa! fai un chamamento á protesta colectiva e pública diante destas institucións. Co obxectivo de pór en evidencia os seus xestores e presionar para que actúen de inmediato, a plataforma, en coordinación con outros colectivos, iniciará unha campaña de accións o próximo 9 de abril en Ourense. Nesa data, celebrarase un pase do documental «Quen contamina a Limia?», producido por Noticias Dispersas e Radio Liberdade, ás 19:30 na Casa da Cultura da rúa Concello, 11, en colaboración co Cineclube Padre Feijoo.

Nas semanas seguintes, Auga Limpa Xa! presentará denuncias ante os órganos competentes sobre a contaminación rexistrada en puntos de abastecemento de auga na Limia. Algúns concellos con augas gravemente afectadas non están a advertir á poboación de que non se pode beber sen analizala previamente.

A plataforma anima á veciñanza da cidade e da provincia a informarse sobre este grave problema de saúde pública, a participar nas protestas e a apoiar a demanda de xustiza en defensa do dereito á vida e á saúde.

Fonte: www.dendealimia.com

VER NOTICIA COMPLETA